O equipo Biberón do Resmón Club de Fútbol deunos unha enorme alegría despois de disputar a derradeira xornada da tempada na que se decidía o campión de liga. E é que os nosos pequechos lograron un empate fronte aos rapaces de Urdilde, o cal lles permite sumar un punto e facerse co campionato de liga! Incrible!
«Un broche totalmente inmellorable para unha tempada realmente emocionante e chea de grandes momentos cargados de aprendizaxe e diversión para os nosos pequenos futbolistas, que son os verdadeiros protagonistas de todo isto», valora a dirección do club, que tampouco quixo esquecer o mérito que representa o esforzo e o traballo realizado semana tras semana polas súas adestradoras. «Rapazas e mulleres pertencentes á nosa familia, que coñecen á perfección o significado e os valores do noso club. Noraboa a vós tamén, adestradoras!»
O equipo agradece ás familias a súa implicación ao longo da tempada, o seu comportamento exemplar nos partidos e a súa axuda e papel no progreso do noso club. «É un auténtico pracer tervos con nós! Porque hoxe estamos celebrando que os nosos pequechos sairon campións, o cal é unha grandísima alegría e un motivo para celebrar, pero sempre lembrando que a estas idades o importante é a formación, a educación, o crecemento e a diversión dos nosos enormes pequechos! Noraboa nenos, sodes uns verdadeiros campións!», din no seu comunicado.