A Consellería do Medio Rural presentará ante o Goberno central un documento elaborado de xeito conxunto con Unións Agrarias (UUAA) e a Asociación Agraria de Galicia (Asaga) para esixir, unha vez máis, melloras na Lei da cadea alimentaria, así como no Paquete lácteo, co fin de protexer os
produtores no contexto de sinatura de contratos. O obxectivo é que se introduzan
modificacións nesta lexislación de cara a blindar que o leite non quede sen recollida no
caso de non chegar a un acordo nestes contratos antes da data de inicio das entregas. Así
o anunciaron hoxe os directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias
Agroalimentarias, José Balseiros; e da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José
Cerviño, despois de manter unha xuntanza con representantes destas organizacións
profesionais agrarias.
Nesta reunión destacouse a necesidade de modificar dita normativa estatal e asemellala
ao establecido no Paquete lácteo respecto á venda por debaixo dos custos de produción.
Trátase de que tanto os gandeiros, como a industria, e a propia administración teñan un
indicador para fixar ese limiar que evite a venda a perdas, de forma que o prezo cubra os
custos e aporte marxe de beneficio, como ocorre en calquera outra actividade económica.
Esíxese tamén que, no caso de que non sexa posible chegar a un acordo entre produtores
e industrias, exista unha posibilidade efectiva de recollida do leite para poder contar con
marxe de tempo para debater e acadar un novo acordo. Neste contexto, José Balseiros
reclamoulles responsabilidade ás industrias á hora de garantir a estabilidade nos prezos
para, entre todos, garantir a sustentabilidade do sector e afianzar a remuda xeracional, que
se apoia de xeito decisivo desde a Xunta. Por último, fixo un chamamento aos
consumidores para que aposten polo selo Galega 100%.
Reforzo dos controis
Tal e como trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, a semana pasada
no marco da Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural e dos
Consellos Consultivos de Política Agrícola e Política Pesqueira para Asuntos
Comunitarios, por parte do Goberno autonómico estase a incidir na necesidade de demandar unha maior implicación por parte do Ministerio para facer fronte á situación actual do sector lácteo, marcada pola redución do prezo nos contratos ofrecidos aos produtores e agravada polo incremento dos custes de produción derivados do conflito en Oriente Medio.
A Xunta está xa a actuar neste materia, cun reforzo nos controis para verificar que se
cumpre a lexislación na sinatura destes contratos; así como con accións para verificar a
trazabilidade do leite e detectar posibles incumprimentos no etiquetado respecto á súa
orixe. Neste contexto, tamén se ten solicitado á Agencia de Información y Control
Alimentarios (AICA), adscrita ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, que actúe
neste eido de xeito urxente e contundente e, de ser o caso, tamén a Comisión Nacional do
Mercado e a Competencia.
Xunta e sindicatos agrarios esixen melloras na lei da Cadea Alimentaria para protexer aos produtores