marzo 27, 2026

María José Gómez insta á Distribución a traballar co resto dos axentes do lácteo a prol da sustentabilidade do sector

A Xunta insta á distribución alimentaria con presenza en Galicia a traballar de maneira conxunta en relación co resto de axentes da cadea de valor do leite na senda da sustentabilidade do sector lácteo, clave no rural galego. Así llo transmitiu o pasado 25 de marzo a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, aos representantes das principais cadeas distribuidoras da nosa comunidade, cos que se reuniu para avaliar a situación deste eido produtivo.

Gómez, que estivo acompañada nesta xuntanza polos directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño; sinalou que no momento actual de negociación dos contratos de compra-venda de leite entre os gandeiros e a industria, cómpre ese entendemento para asegurar a continuidade da actividade, tanto das explotacións como da do resto de axentes implicados, de forma que se garanta o equilibrio dentro da cadea de valor.

A conselleira advertiu, como o vén facendo nos encontros mantidos estes días cos diferentes actores sectoriais, que o actual contexto está condicionado pola entrada en España de excedentes de leite da UE a baixo prezo e tamén por un incremento dos custos de produción a causa do conflito en Oriente Medio.

Reforzo dos controis e peticións ao Ministerio

Nesta situación, Gómez puxo en valor o traballo da Xunta, que está intensificando o seu labor de control para confirmar que o proceso de negociación dos contratos se fai consonte á normativa en vigor e, asemade, co fin de verificar a trazabilidade do leite e detectar así posibles incumprimentos na etiquetaxe con respecto á orixe.

Estas e outras medidas compleméntanse, tal como explicou a conselleira, cunha esixencia ao Goberno central para que faga cumprir a lei da cadea alimentaria e que active a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) para actuar fronte á posible competencia desleal dos devanditos excedentes.

Nesta liña, cómpre lembrar que Gómez ten solicitada unha reunión urxente co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para abordar estas cuestións, así como outros asuntos de interese para o sector primario galego.