marzo 24, 2026

Medio Rural aborda coa Asociación Agraria de Galicia os reforzos nos controis diante da situación do lácteo  

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reuniuse o 23 de marzo con representantes da Asociación Agraria de Galicia (Asaga), encabezados polo seu presidente, Francisco Bello. A xuntanza enmárcase na rolda de contactos que está a manter a responsable autonómica co sector para avaliar a situación do sector lácteo e explicar o reforzo de controis que está levando a cabo a Xunta. Así, Gómez entrevistouse días atrás con Unións Agrarias e con portavoces da industria e esta mesma semana manterá tamén un encontro coa distribución, así como cos demais representantes dos produtores. 

Estes contactos enmárcanse na liña de traballo a prol da unión, o entendemento e a colaboración entre os diferentes axentes da cadea de valor do leite, con vistas a garantir a súa sustentabilidade, nun contexto marcado pola renovación de contratos entre industria e gandeiros e tamén caracterizado pola entrada en España de excedentes de leite da Unión Europea a baixo prezo, así como polo incremento dos custes de produción derivados do conflito bélico en Oriente Medio.

Neste sentido, a Xunta está a intensificar os controis para vixiar que o proceso de sinatura de novos contratos respecte escrupulosamente a lexislación vixente e ademais para verificar a trazabilidade do leite e detectar así posibles incumprimentos no etiquetado en relación coa súa orixe, entre outras medidas.  Na mesma liña, demándase ao Goberno central que faga cumprir a lei da cadea alimentaria e que actúe fronte á posible competencia desleal deses excedentes, mediante a activación da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC).